Xornada de voleibol no IFEVI

O pasado venres 26 de abril o alumnado de 5º de Primaria participou nunha xornada deportiva de convivencia con outros centros educativos na que xogaron ao voleibol. Está actividade foi posible grazas á participación un año máis do centro no programa educativo XOGADE. O alumnado competiu e desfrutou dunha xornada divertida e diferente na que coñeceron alumnado de outros centros da zona.

Xornada intercentros co CEIPP da Ribeira

O pasado luns 22 de abril, o alumnado de 5º e 6º de Primaria desfrutou dunha xornada deportiva xogando cos compañeiros/as do colexio da Ribeira a bádminton, baloncesto, balonmán e brilé. Grazas á participación do colexio no programa XOGADE o Servizo de deportes nos facilitou o transporte de maneira gratuita. Aí vai o vídeo desta xornada xenial:

O alumnado de 3º aprende a debuxar

O pasado 9 de abril tivemos a visita de Charlie, tatuador profesional e padriño do noso alumno Xabi.

Contounos as dificultades e o esforzo que lle supuxo facer o seu propio camiño ata chegar a ser tatuador profesional. Despois ensinounos consellos básicos para debuxar e o alumnado acabou facéndolle unha entrevista que poderedes ler íntegra no noso xornal Faro da Escola que sairá o próximo 13 de xuño.

A continuación deixámosvos unha videomontaxe do día. Esperamos que vos guste!

XXXIV Olimpíada da Rosca 2024

O pasado 22 de marzo puxemos o broche final ao 2º trimestre coa tradicional carreira da Rosca. Desta volta, grazas ao bo tempo, puidemos recuperar ao completo o formato tal como se facía nos anos previos á pandemia. Foi un día emocionante e divertido no que tamén participaron as familias. Despois das carreiras continuamos coa degustación da rosca grazas á colaboración da ANPA, e logo duns partidos de brilé, rematamos facendo entrega das medallas 🥇 🥈 🥉 aos gañadores/as das diferentes categorías. A continuación tedes o vídeo a modo de resumo do día. Esperamos que vos guste!

A música de Andrea Motis invade Budiño

O pasado 20 de marzo tivemos a excepcional fortuna de entrevistar a excelente artista, cantante e multiinstrumentista Andrea Motis. O alumnado de 5º de Primaria preparou previamente as preguntas para a nosa invitada que, ademais de cantar coma os anxos, toca a trompeta e o saxofón coma os mellores jazzistas do panorama internacional. A continuación deixámosvos unha pequena mostra dese día e poderedes ler a entrevista íntegra co noso xornal de Faro da Escola que sairá o próximo 13 de xuño.

Xornada intercentros Budiño vs Hermanos Quiroga

Este luns 26 de febreiro celebramos a 1ª xornada deportiva intercentros deste curso. O alumnado de 5º e 6º de Budiño recibiu con ilusión a visita dos compañeiros/as do colexio Hermanos Quiroga e xogaron a bádminton, voleibol, balonmán, baloncesto e brilé. O máis importante deste tipo de xornadas é a oportunidade que se lle brinda ao alumnado de relacionarse e facer novas amizades, así como difundir o deporte como actividade saudable e afianzar valores coma o xogo limpo ou a cooperación en equipo.

2º premio no IX concurso Illas Cíes

O pasado martes 20 de febreiro, a nosa alumna de 6º Noa asistiu ao acto de entrega de premios do IX concurso Xeoparque Illas Cíes: o paraíso de todos. Este concurso de vídeo e debuxo está organizado polo xornal Faro de Vigo en colaboración co Concello de Vigo e FCC. Alí recibiu nin máis nin menos que o 2º premio na súa categoría ao facer un fabuloso debuxo no que representaba as Illas Cíes con todo o seu encanto. Dende o centro queremos felicitar a Noa polo seu esforzo e habilidade e animar ao resto de alumnado a participar en vindeiras edicións. Este foi o seu traballo:

3º e 4º aprenden sobre a compostaxe

O martes 20 de febreiro, o alumnado de 3° e 4° de EP participou nunha actividade pertencente ao programa de educación, formación e divulgación ambiental sobre a redución e xestión de residuos, “Ponte a Zero”.

Tomando unha mostra do compost que facemos no colexio, e grazas a Ana e a Antón, os nenos e nenas covertéronse en investigadores por uns intres e identificaron que invertebrados viven nun composteiro. Usaron lentes e microscopios como auténticos profesionais e aprenderon o labor tan crucial destes bechos no ciclo da vida. Seguro que apartires de agora os verán con outros ollos!

Entroido 2024 Budiño

O venres día 9 de febreiro celebramos o tradicional desfile de Entroido onde as familias nos visitaron e puideron contemplar e desfrutar deste fabuloso evento. Agradecemos ás familias a colaboración na elaboración dos disfraces que quedaron moi orixinais. A continuación tedes os vídeos dos desfiles e actuacións. Esperamos que vos gusten!